Probeta
- 60 horas reais de formación en empresas
- Deseño industrial + deseño gráfico + deseño web
- Creando e executando o teu proxecto persoal, que seguirá sendo teu ao remate
- Só para aprender, non para traballar nin para facer cafés
- Experiencia en fase beta, a ver como sae
Quen?
-
Cenlitros
Gráfico, produto, espazos
-
Ekinocio
Identidade, editorial, publicidade
-
A navalla suíza
Web
A quen?
-
Susana Ríos
A Coruña'88. Escogí el bachillerato tecnológico y me licencié en C. Audiovisual (Pontevedra, luego A Coruña). En dic/2010 presenté el proyecto fin de carrera con Antón Martínez: la imagen de marca para el grupo Munich. Vivo en SCQ, realizo proyectos por mi cuenta y me formo autodidactamente.
-
Antía Carbajo
Antía Carbajo'89. Apaixoada do deseño, da arte e da fotografía; realicei os Estudos Superiores de Deseño de Productos ('07-'11) na EASD Mestre Mateo. O rematar fixen un curso de deseño Web ('11) e actualmente estou cursando o Grao en Deseño Gráfico.
-
María Otero
Deseñadora Industrial. Nacín en Vilalba no ano 85. Estudei Enxeñería Técnica en Deseño Industrial. Actualmente realizo traballos a nivel particular.
Buscamos 2 persoas que acompañen a Susana Ríos nesta primeira edición de probeta (xaneiro 2012). Ela xa está seleccionada porque foi ela quen desencadenou, cunha proposta inicial, que montásemos isto entre as tres empresas.
Mándanos un correo a proxectoprobeta@gmail.com antes do 6 de xaneiro con:
- o teu nome e teléfono.
- unha breve descrición do teu perfil (non máis dun par de parágrafos)
- os motivos polos que queres participar en probeta e qué che gustaría conseguir.
Por favor, non nos envíes o teu CV. Se recibimos un arquivo .doc cun CV case seguro que lle daremos ao Delete sen compaixón. Se nos fai falta algo máis xa cho pediremos. Tampouco fai falla que nos envíes foto: xa a buscaremos nós en Facebook. Si, esa, a da borracheira.
Obxectivos▸
Tres empresas (Cenlitrosmetrocadrado, Ekinocio e A navalla suíza) ofrecemos o noso espazo, a nosa axuda e o noso consello para que tres persoas desenvolvan un proxecto persoal que agrupe as tres facetas do deseño en que cada unha de nós traballamos: o deseño industrial, o deseño gráfico e o deseño web. O obxectivo é formar, dentro das nosas limitacións, tres profesionais cos rudimentos do traballo real en cada unha destas áreas.
Unha desas persoas é Susana Ríos, xa que ela foi a detonante de que isto se leve á cabo. As outras dúas persoas escollerémolas na semana de Reis.
O propósito que temos os tres estudios é:
- que os tres participantes aprendan nun contorno real o día a día dun estudio de deseño: como se concibe un proxecto, como se estrutura o traballo, como se desenvolve, como se presenta…
- que nun futuro haxa xente formada para traballar con nós, con outros estudios, ou por libre.
- que os estudios compartamos a experiencia de aprendizaxe e exploremos sinerxias.
Este programa Probeta nace como un experimento. Se a experiencia é boa tanto para aprendices como para empresas, repetirémola. Pero reservámonos o dereito de enterrar esta idea en anos futuros con total alegría.
Como, onde, cando?▸
As formación desenvolveranse ao longo de 64 horas durante os meses de xaneiro e febreiro de 2011.
Desenvolveranse en cada un dos tres estudios, de forma rotatoria: a primeira semana en Ekinocio, a segunda na Navalla suíza e finalmente a terceira en Cenlitrosmetrocadrado. Na semana anterior ao comezo da formación faremos unha xornada (4 horas) de presentación con representantes de todos os estudios. Os tres estudios atópanse en Santiago de Compostela.
Calendario
días previos (antes do 20 de xaneiro)
- Investigación básica. Cada estudio indicaralles aos alumnos, en función do concepto escollido para desenvolver nas formación, unha serie de temas sobre os que realizar unha investigación básica. A finalidade é chegar ao inicio da formación con coñecementos básicos para poder dedicarlles máis tempo.
- presentación dos exercicios que se van desenvolver, posta en común e primeiras decisións (4 horas).
semana 1. gráfico e publicidade (23-27 xaneiro; 20 horas)
- Análise de situación e brieffing: coñecer o produto, identificar os públicos obxectivos, anticipar a estratexia de comunicación
- Naming: proceso de brainstorming
- Comunicación visual e identitaria: construción de marca, imagotipo (texto, formas, cores) e aplicacións básicas (técnicas e materiais)
- Comunicación publicitaria: obxectivos, posicionamento, formatos e soportes publicitarios
semana 2. web e comunicación online (30 xaneiro – 3 febreiro; 20 horas)
- concepción e organización da información; web(s) e móbil(es)
- principais ferramentas de deseño web
- accesibilidade e usabilidade
- principais conceptos de programación
- sistemas de organización de traballo: ferramentas colaborativas, sistemas de testaxes, etc.
- a produción de contidos para a web, socialización, etc.
semana 3. deseño de obxecto (6-10 febreiro; 20 horas)
- definición de proxecto (cuestións prácticas, morfolóxicas, semánticas, ergonomía, * materiais e procesos produtivos…)
- conceptualización
- desenvolvemento
- xestión da produción
semana 4. conclusións (a partir do 11 de febreiro)
- xantar común
- avaliación dos alumnos, avaliación dos estudios
Aspectos legais▸
Estas non son prácticas tradicionais en empresas. En ningún caso.
Se participas nelas desenvolverás os teus traballos persoais, e nunca os das empresas. Ao rematar todo o traballo que realices será teu. Aprenderás do proceso de funcionamento real nunha firma e poderás preguntar, ser aconsellado e reflexionar sobre os procesos produtivos no deseño. E tocar en todo e tomar nota de todo o que queiras. Ademais obterás un certificado asinado polas tres empresas pola participación neste proxecto.
As empresas beneficiámonos unicamente por compartir espazo e tempo con persoas que están no máximo da súa creatividade, que teñen ideas e enerxías novas. Ademais, queremos que ao noso redor haxa persoas ben capacitadas, que nun futuro poidan traballar con nós, coas empresas da competencia ou pola súa conta.
Este proceso de formación está feito con todo afán de legalidade:
- convertímonos en empresas para prestar servizos de formación.
- deseñamos un sistema de selección, matrícula e un programa regrado.
- cobramos unha cantidade moi simbólica por este proceso de formación (1€), independentemente de que no futuro, se a experiencia é positiva, poidamos cobrar máis.
- documentamos, nós e as persoas que participen, todo o proceso formativo.
Probeta é un proxecto de formación en empresas ideado conxuntamente por Cenlitrosmetrocadrado, Ekinocio e A navalla suíza en 2011. A idea de Probeta é creative commons, e animamos a outras entidades a que a adopten e melloren. Os textos da web tamén son cc-by, e as imaxes son © dos seus autores. O logo é da autoría de Ekinocio.