Saltar a contenido

Praza pública

Un medio dixital para informarnos en galego.

  • Servizos

    Arquitectura da información, Deseño UX/UI, Desenvolvemento

  • Tecnoloxía

    PHPCan, CSS3, HTML5, JavaScript

  • Cliente

    Fundación Praza pública

  • Data de publicación

    1 de febreiro de 2012

Que é Praza Pública?

Un novo espazo de comunicación en galego

Praza Pública é un xornal dixital, dirixido por David Lombao, que foi promovido pola Fundación Praza Pública. Praza é un medio de comunicación dixital e en lingua galega centrado na información política, social e cultural. É un espazo de información independente, pluralista e gratuíto.

Está sostido financeiramente polas achegas dunha comunidade de doadores, por ingresos publicitarios e por ingresos derivados de acordos informativos con algunhas administracións públicas. A redacción de praza.gal mantén asemade a edición de Galicia de eldiario.es.

Máis info

Que necesitaba Praza pública?

Un xornal para dar voz á Galicia que vén

Praza Pública necesitaba un soporte de edición flexible e áxil e unha presentación gráfica e de contidos pensada para un medio nativo da Rede que tería dúas edicións graficamente diferenciadas: a dos días soltos e a das fins de semana.

O xornal web debía permitir unha edición doada de unidades informativas con distintos graos de complexidade desde reportaxes con apoio de pezas audiovisuais, infografías ou xeolocalizacións a columnas de opinión de extensión variable ou noticias breves.

Adicionalmente, precisábase dispor dun sistema de agregación de contidos alternativo ás clásicas seccións xornalísticas, compoñendo dossieres cunha mesma cerna temática ou especiais informativos.

Por cabo, a web debía permitir a creación de blogs de temáticas específicas e dispor dun sistema de microblogging para a publicación nas redes sociais de referencias informativas inmediatas.

Que fixemos?

Un sistema integrado de edición e publicación de contidos

Creamos a identidade corporativa de Praza Pública e a composición gráfica do xornal web.

Ideamos e desenvolvemos un xestor de edición de unidades informativas con diferentes graos de complexidade (novas, reportaxes, columnas de opinión...) e elementos asociados (infografías, audios, vídeos...).

Fixemos un sistema para a agregación de contidos temáticos con diferentes modos de visualización (liña temporal ou taboleiro).

Deseñamos un microblogging («Fálase de...») e ferramentas para difundir nas redes sociais contidos do xornal.

Creamos un xestor para crear e editar blogs aniñados na web de Praza.

Implementamos ferramentas para manter o diálogo coa comunidade lectora (comentarios, autoedición de contidos...), para o seguimento do impacto («Comparte isto»), a escolma de lecturas («Gardar para despois») e un buscador de procura avanzada en todos os contidos da web.

Programamos un sistema para a xestión das insercións publicitarias.