Saltar a contenido

Biodiversidade

Unha gran base de datos xeolocalizada de especies vexetais en Galicia e Norte de Portugal.

  • Servizos

    Arquitectura da información, Deseño UX/UI, Desenvolvemento

  • Tecnoloxía

    PHPCan, Stylecow, HTML5, JavaScript

  • Cliente

    Universidade de Santiago de Compostela

  • Data de publicación

    19 de decembro de 2013

Cartografar a biodiversidade

Achegáronse a nós dende un equipo de investigación da Universidade de Santiago, que foron os líderes do proxecto, pero que reunían a patrocinadores e participantes de Galicia e do Norte de Portugal. Este grupo de investigación continuou o seu funcionamento durante varios anos, dende 2013, e foi evolucionando nos seus compoñentes, pero sempre liderado polo grupo da Universidade de Santiago.

O proxecto está agora á espera dunha segunda volta de financiamento, para impulsalo e facelo máis accesible á poboación xeral.

Que necesitaba Biodiversidade?

Un catálogo e mapeado web de gran precisión

O grupo de investigación buscaba facer un mapeado das especies vexetais de Galicia e do Norte de Portugal para coñecelas e protexelas. Era un proxecto científico, pero á vez divulgativo, que requiría dunha complexa xestión de mapas.

Había que facer un sistema para que calquera persoa puidese catalogar plantas, especialmente as ameazadas, e ese sistema de catalogación tiña que estar curado por especialistas para evitar erros. O número de especies vexetais presentes na área demarcada é incriblemente grande (varios milleiros), e non resultaba sinxelo facer unha sistematización do proceso para achegalo ao mundo real.

Este reporte debía facerse cunha alta precisión xeográfica, en zonas onde pode non haber boa cobertura móbil (de feito, onde non a hai), o que engadía unha especial dificultade ao proceso.

O obxectivo era que cada vez se sumasen máis persoas usuarias ao proceso, que se censasen máis especies, e que tamén se fosen reportando perigos e ameazas ecolóxicas.

Que fixemos?

Catalogación

O proxecto tiña dous retos fundamentais: o sistema de catalogación e o mapeado.

A catalogación era crítica, porque estabamos a facer unha web que debían usar persoas especialistas capaces de distinguir doadamente especies, mais tamén leigos na materia, ou cando menos sen ese nivel de coñecemento de especies vexetais. O sistema de reporte tiña que ser completo para que fose científico, e accesible para que puidese ser usado masivamente.

De entre as dúas solucións que lle presentamos, o equipo de investigación optou por unha opción bastante especializada, cun nivel de catalogación moi complexo, pero onde existen dous niveis de aceptación: as persoas usuarias poden censar unha especie que coñecen, ou poden censar unha especie que non coñecen e pasarlle a tarefa a un círculo de especialistas que rematen a tarefa de catalogación.

Para que esta catalogación en dous niveis fose posible había que poder engadir imaxes xeorreferenciadas. Pensemos que, ademais de ter milleiros de especies vexetais para censar, as plantas non presentan o mesmo aspecto ao longo de todo o ano: as especies vexetais que son perfectamente identificables durante a floración, poden ser idénticas a outras moitas no inverno, cando carecen de follas, flores ou abrochos.

Mapeado

O mapeado das especies tiña á súa vez dous retos: un viña derivado da precisión na xeorreferenciación, dado que o nivel de exactitude da cartografía máis estándar é menor ao que se require para sinalar especies vexetais. Para iso houbo que deseñar un sistema que soportase distintas cartografías (WGS84, ED50, NAD83, GRS80, ETRS89 e LISBOA e convertese eses valores en WGS84) e que convertese valores MGRS a UTM e latitude e lonxitude (e viceversa) usando diferentes datums. Isto supuña unha dificultade importante xa que non había ningún software web que o fixese dun xeito confiable. Os datos para o mapeado en moitos casos proviña de follas de cálculo (CSV) que requirían unha importación masiva, con diferentes datums.

Ao mesmo tempo tiña que funcionar en zonas de escasa cobertura móbil. Alí onde había habitamento humano a cobertura podía ser razoable, pero as especies vexetais máis interesantes, para aquelas que a aplicación é realmente crítico, están fóra de cobertura. Para iso houbo que facer un sistema que recollese a información GPS en local e a publicase despois, unha vez que se chegase á zona de cobertura: a webapp (que funcionaba sen necesidade de conexión) xeraba unha caché no dispositivo que almacenaba a localización asociada a cada nota de especie e permitía a sincronización posterior. Estas notas eran enviadas a un panel de notas da persoa usuaria, consultable dende a versión web, e completar así a catalogación das especies.

O outro grande esforzo da web foi conseguir poder trazar polígonos para delimitar áreas de especial protección: así, os grupos de usuarios podían apadriñar distintas paraxes e traballar máis intensivamente sobre elas. Todos os aspectos relacionados con xeoposicionamentos e xeración de áreas en mapas era un reto nesa altura, xa que as ferramentas dispoñibles eran moi limitadas, tanto a nivel de clientes (APIs de Google Maps) como a nivel de servidor (consultas con referencias xeográficas en PHP e MySQL) e moi custosas en rendemento. Isto resolvímolo creando ampliacións das APIs que existían no seu momento do lado do cliente e utilizando ferramentas todavía en fase de desenvolvemento en servidor (MySQL 5.6 daquela) para intentar aproximar o máximo posible os resultados ás necesidades complexas do proxecto.

PhpCan

Tecnicamente foi desenvolvida con phpCan, un framework de php de desenvolvemento interno, co que faciamos webs na primeira época de funcionamento da Navalla suíza. O phpCan, que era moi bo para pequenos desenvolvementos, e moitos dos proxectos desenvolvidos con el aínda están en funcionamento, víase un pouco máis axustado cando había que incorporar grandes cargas de datos, ou sistemas de interactividade complexa. Por iso é que demos o salto a Anavel, se ben seguimos tendo moito cariño a todo o que desenvolvimos con phpCan, como Biodiversidade.eu