Saltar a contenido

Manolo Barreiro

Xestor de contidos

Desde hai 30 anos traballo con palabras. Editando libros en Xerais, 2.0 Editora ou Corsárias. Elaborando contidos web en Vieiros, Dimensiona e, agora, na Navalla Suíza. E colaborando como analista político en medios de comunicación como Praza Pública, nos desaparecidos Vieiros e El País-Galicia, Tempos Novos ou Luzes.

Alternei estas ocupacións con traballos como consultor de políticas públicas e con responsabilidades institucionais e asociativas; xestionando proxectos e a súa avaliación con ONGs en Nicaragua e Bolivia; participando en iniciativas de normalización lingüística e de animación sociocultural; ou deseñando programas educativos e de benestar.

Licenciado en arqueoloxía, e quizais por iso agarimo obxectos do «pasado» como os xornais en papel que leo a diario, actualmente o meu oficio desenvólvese nun ecosistema dixital, onde valoro a creación de novos bens comúns, os saberes en código aberto e o traballo colaborativo. Na Navalla Suíza e na Rede, como nas cordadas de escalada, apréndese que «un, só, é menos que un, e que dous son máis que dous».

E cómpre atender as palabras de Luigi Pintor:

O que máis conta son as cousas cotiás que articulan a vida e lle dan continuidade. Non hai cousa que máis importe na vida que anicarse para que outra persoa, pasando o seu brazo por detrás do teu pescozo, poida volver levantarse.

- Luigi Pintor