Saltar a contenido

Como chegar ata A navalla suíza

As mellores formas de chegar ata nós

Gustaríanos que para chegar físicamente ata nós contaminases o menos posible. Pero tamén é verdade que, a pesares da proximindade a Santiago, vir a pé, en bicicleta ou en transporte colectivo pode ser máis complicado do que parece. Consulta todas as alternativas que te propoñemos.

Mapa ANS

A pé

A ruta máis sinxela para chegar ata as oficinas da Navalla desde Santiago, a pé, evita as principais vías de tráfico e é un paseo agradable dunha hora. Non é recomendable en días de moita choiva, algo que non é infrecuente nesta parte do planeta. Se ves desde a zona da estación de tren tes unha alternativa bonita, curta e historicamente interesante, pero de novo non hai onde abeirarse se chove. Podes consultar as rutas que che preparamos para vir a pé.

En bicicleta

As rutas en bicicleta son semellantes a se queres vir a pé. Propoñémosche dúas, unha máis pro (compartindo tráfico cos automóbiles e cunha encosta pronunciada) e outra máis para todos os públicos, que é máis tranquila e relaxada. Tamén che marcamos a variante se ves desde a zona da estación de tren. Podes consultar as rotas para vir na bici.

En transporte colectivo

A opción mellor é coller o autobús que vén directamente ao polígono do Milladoiro. Pódese coller na parada da Rosa (cabeceira), por exemplo, ou na parada de Rosalía de Castro, e hai que baixarse na primeira parada do polígono, ao acabar a supercosta: de aí á Navalla hai uns 70 metros. O malo é que este autobús só funciona en días de diario e a cadora.

Hai unha liña moito máis frecuente que te deixa na estrada principal do Milladoiro. As paradas de saída varían dependendo da liña (rúa da Rosa ou estación de autobuses), e despois tes que subir a costiña a pé ata o polígono. Tes os horarios recollidos en Milladoiro virtual.

As dúas liñas están integradas dentro da rede da Xunta, e podes empregar a tarxeta metropolitana sen problema. Sen tarxeta o custo é de 1,50 € por treito, e de 0,85 € se o pagas coa tarxeta.

En taxi

Na zona de Santiago non estamos de momento uberizados. En taxi, dependendo da hora e do lugar de partida, pode levarche entre 7 e 12 € chegar de Santiago ao Milladoiro.

En coche particular

Lembras o que dixemos sobre o emprego de vehículos contaminantes? En todo caso, se ves en coche podes ter dificultade para aparcalo preto da oficina en horario laboral. Se as cousas se poñen moi mal, antes de dar dúas voltas e derreter un pouco máis o ártico co teu combustible, avísanos. Temos unha praza de garaxe que quizais poidas usar.