Rapaciñ@s, máis libres e iguais... tamén na Rede

Desde hai dous anos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) impulsan Rapaciñ@as, unha iniciativa para achegar as tecnoloxías da información a nenos e nenas desde o ámbito familiar e a comunidade escolar.

Para eles ideamos, deseñamos e desenvolvimos A quen te pareces?, unha aplicación para aprender, descubrir, comprometerse coa igualdade e ir mudando o noso mundo e a nosa vida.

En Convergence Culture. A cultura da converxencia dos medios de comunicación, Henry Jenkins escribiu que «nunha sociedade de cazadores, os cativos xogan con arcos e frechas. Nunha sociedade da información, xogan con información». Con este feliz encadre, Jenkins, lonxe de clausurar un debate, abría unha nova perspectiva sobre a relevancia das TICs e a rede como elemento de construción da nosa convivencia. 

Os avances desde aquela son notables. Desde a preocupación inicial sobre as TIC como «tecnoloxías seguras» á Internet como un espazo de aprendizaxe de novos padróns de cidadanía, como unha rede de posibilidades, liberdades, compromisos e valores de cambio. Rapaciñ@s A quen te pareces? é unha pinga modesta deste novo xeito de entender a nosa vida na sociedade dixital.

Rapaciñ@as.gal ten a súa cerna en A quen te pareces?, un xogo de descuberta de identidades e preferencias. Un xogo como medio de implicación de mozas e mozos, usuarias primeiras da web. Un xogo como aprendizaxe. Un xogo de descuberta de mulleres e homes que xogaron un papel destacado no desenvolvemento da informática e as ciencias da computación, descuberta do seu talento, imaxinación, emprendemento e creatividade e das súas achegas (decisivas). Descuberta da igualdade como valor decisivo en calquera transformación positiva da tecnoesfera e sociedades que habitamos e construímos. 

Un mundo mellor precisa máis creadoras tecnolóxicas, enxeñeiras e mulleres de empresa como Ada Lovelance, Margaret Hamilton, Marissa Mayer, Anita Borg, Ana María Prieto, Mitchel Baker, Ángela Ruiz, Radia Perlman ou Carol Shaw. Espellos nos que mirarnos para mudar a orde actual de cousas que se comprace con sinalar os homes como creadores das innovacións dixitais e informáticas e as mulleres como usuarias.

E recursos para saber máis das novas profesións dixitais e das posibilidades de formación no campo da enxeñería ou nas especialidades informaticas da Formación Profesional. Racpaciñ@s A quen te pareces? é unha web para saber máis, comprometida co igualdade como código fundamental da cultura da Rede.